Acollida no CEP Plurilingüe de Riomaior 2026
Hoxe tivemos a oportunidade de visitar o CEP Plurilingüe de Riomaior, o centro ao que iremos o próximo curso para continuar a nosa aventura en Educación Primaria.
Nada máis chegar recibíronnos Maricarmen, a directora; Paula, a orientadora; e Calú, responsable da biblioteca. Ademais, un grupo de nenos e nenas de 1º de Primaria acompañounos durante toda a visita. Algúns deles eran antigos compañeiros e compañeiras das nosas escolas, así que foi unha alegría volver velos.
Percorremos moitos espazos do centro: a entrada, o salón de actos, o comedor, o pavillón, a biblioteca, a radio escolar, a aula de música, os espazos de Polos Creativos e o Departamento de Orientación. En cada lugar descubrimos actividades, recursos e experiencias que nos están agardando.
Tamén coñecemos a Buli, a mascota do centro e da biblioteca, que nos deu a benvida ao que será o noso novo cole.
No comedor compartimos unha merenda saudable dentro da Semana da Froita e aproveitamos para descansar un pouco antes de continuar coa visita.
A parte final da xornada desenvolveuse no salón de actos, onde participamos nunha actividade moi especial chamada Lapis, obxectos e cubricións, xunto co alumnado de 1º de Primaria. Antes, a nosa profe Eva contou o conto Non teñas medo, caranguexiña, unha historia que nos falou da importancia de afrontar os cambios con confianza e ilusión.
Despois escribimos, debuxamos e deixamos a nosa pegada nun gran rolo de papel. Ese rolo converterase nunha cubrición colectiva que quedará no centro e que nos estará esperando cando cheguemos en setembro ao noso novo cole.
Regresamos moi contentos e contentas, con moitas ganas de empezar esta nova etapa e coa sensación de que en Riomaior xa nos sentimos un pouco na casa.
Grazas a todas as persoas que nos acompañaron e nos fixeron sentir tan ben durante esta visita tan especial.







































Comentarios
Publicar un comentario